CANTIGA POPULAR
A
finais do século XIX, o boticario pontevedrés D. Perfecto Feijoo xunta, case
clandestinamente, a un grupo de persoas interesadas na cultura musical galega e
fundan o coro Aires da Terra. Aqueles pioneiros estaban a comezar un camiño que
seguirían moitos dos chamados coros históricos e que, logo de máis dun século, aínda
continúan numerosos grupos en Galicia. No ano 1904, o coro Aires da Terra leva
a cabo o que sería o primeiro rexistro sonoro da música tradicional galega.
Entre os 18 temas gravados, atopábase a “cantiga popular”. Queremos comezar
esta actuación cunha versión propia deste tema tan coñecido, para dicir con
orgullo de onde vimos, e expresar, con respecto das nosas tradicións,
cara a onde
pretendemos ir.
O FARO DE MONTEDOR
Os días
de brétema pecha, no comezo da Costa da Morte, escóitase
o urrar dunha vaca en varias millas á
redonda. É o son do faro de Fisterra, que avisa aos mariñeiros do
perigo de achegarse moito aos rompentes da costa. Esa é a súa finalidade:
avisar, iluminar, protexe, por iso son os mellores amigos dos
mariñeiros. No caso do Faro de Montedor, situado entre Viana do Castelo e Vila Praia
de Áncora, anuncia tamén, a chegada á casiña para os mariñeiros galegos que
volven das campañas polos mares do Sur.
RIBEIRANA DE VIGO
O 7 de decembro de 1954, o grupo da
sección feminina de Vigo, interpretou no teatro María Guerrero de Madrid esta
ribeirana, describíndoa coma un baile típico das Rías Baixas, máis vivo que a muiñeira. Vinte e seis anos máis
tarde, o cantautor galego, Suso Vahamonde, foi condenado a seis anos de prisión
por cambiar parte da letra desta canción. No contexto dun recital en contra das
nucleares, incluíu na canción o popular retrouso: uah!, falemos galego xá!!.
FOLIADA DA RIBEIRA (DOS DEZAS)
Unha
das fontes documentais para o noso repertorio, e quizais a máis importante, son as nosas familias. O Casco Vello de Vigo, lonxe
de parecer un agresivo entorno urbano, sempre se achegou máis ao estilo de vida
dos pequenos pobos mariñeiros. Mercábase de todo nas tendas de ultramarinos, as
tabernas estaban ateigadas de homes do mar xogando á brisca, os nenos xogaban
as bolas entre as pedras dos adoquíns das rúas... e toda a vida se desenvolvía
co son de fondo dalgún veciño ou veciña cantando.
Cantábase ao tender a roupa, varrendo a casa , fretando a roupa contra
as pedras do lavadoiro da Barroca, tomando unhas “chiquitas” polas tabernas ...
e, por suposto, en tódalas festas importantes en que se reunía a familia. Aí
era onde saían á luz aquelas
cantigas case esquecidas que falaban do “incendio do kiosco da Porta do Sol”, ou da chegada da luz eléctrica a alameda, ou, como neste
caso, dunha fermosa melodía de jota, gardada na memoria de Flora
Rodríguez.
ALALÁ DE MUXÍA
Ao pé
do mar,
en plena Costa da Morte, a escasos metros de onde baten as
fortes ondas, érguese o modesto santuario da Virxe da Barca, moi preto do pobo
de Muxía.
Conta
unha lenda que a virxe chegou a este lugar nun barco de pedra para darlle
forzas ao apóstolo Santiago, ante a difícil tarefa de adoutrinar as xentes do
lugar. Os enormes penedos que se espallan polo promontorio son os restos daquel
barco. Así temos a famosa “pedra de abalar”, que sería o casco do barco, a “pedra da vela”, tamén chamada “pedra dos cadrís”, pola forma triangular de vela latina, a “pedra do temón”... O mar bate fortemente nestas
formacións megalíticas, chegando a movelas de lugar varios metros. Di a mesma lenda que a imaxe da virxe apareceu
debaixo dunha destas pedras, e foi levada para a igrexa da vila,
pero misteriosamente desapareceu para volverse a atopar no mesmo lugar onde
aparecera. Así foi que naceu o santuario da Virxe, para deixala vixiante sobre
o mar que a vira chegar. Neste entorno tan hostil para a pesca, os mariñeiros
encomendan as súas vidas a milagreira imaxe, como así reflexa este tradicional
“canto de mariñeiros de Muxía”, tamén chamado “alalá de Muxía”.
FOLIADA DE ANLLÓNS
Se a
virxe da Barca é a patroa dos mariñeiros de Muxía, a virxe do Carme é avogada
de tódolos mariñeiros. Pódeselle ter máis
ou menos fe, ser máis ou menos relixioso, pero á hora de embarcar, tódolos homes do mar lle piden a súa
patroa ter unha boa campaña e regresaren con ben ao fogar. A seguinte cantiga
ven das terras coruñesas de Bergantiños, e formou parte do
repertorio de varios coros galegos, como o de Cantigas da Terra, que gravou
este mesmo cantar no ano 1953.
FOLIADA DE VILAXOÁN
A corrente quente do Océano Atlántico penetra
ata o fondo da Ría de Vilagarcía, traendo consigo bancos de exquisita sardiña. O
pobo costeiro de Vilaxoán especializouse dende o século XVIII na pesca e
posterior comercialización da sardiña salgada. En 1933, un texto sobre a festa
da exaltación da sardiña nesta mesma vila aseguraba que: Si Carril presume en justicia de sus
excelentes criaderos de mariscos, únicos en el mundo, a Vilaxoán de Arousa
nadie le disputa la supremacía de sus sardinas, cuyas Revenidas no admiten
rival en los mares conocidos... y aún más
Pero, que son as famosas revenidas? O propio
Picadillo escribía en 1905 a receita que lle proporcionou unha veciña da zona:
Tómanse as sardiñas que se desexen.
Lávanse, sécanse e cubrímolas con sal gorda deixándoas permanecer así de doce a
vinte e catro horas. Colócanse nunha parrilla e póñense sobre as brasas. Cando
están asadas por un lado, dáselles a volta deixándoas sobre o lume ata que
quedan feitas tamén polo outro. Sérvense no intre mesmo de sacalas da parrilla.
ALALÁ DOS MORENOS
Versión do tema Alalá de Pontevedra,
gravado polo afamado grupo de gaitas Os Morenos de Lavadores, no ano 1968. Contaban
eles mesmos que fixeran esta peza xuntando varios temas que escoitaran en discos vellos de formacións
corais. Menos a primeira copla, na que eles adoitaban cantar “Pontevedra é boa
vila, da de beber a quen pasa, a fonte da Ferrería, San Bartolomeu na praza”,
as outras coplas recolléronas das que eles lembraban.
FOLIADA DE NEGREIRA
Cando vimos esta fermosa melodía nun
cancioneiro coral galego, non sabíamos da existencia
da gravación desta foliada no ano 1922 polo xa mencionado coro Cántigas da
Terra. A partitura orixinal estaba exenta de retrouso musical, polo que optamos
por lle poñer un acompañamento sinxelo de pandeireta. De seguro, que foi esta a
cantiga na que se fixou o gran Alfonso Daniel Rodríguez Castelao para compoñer
esta fermosa historia que sae no seu libro “Cousas”.
Unha rúa nun porto lonxano do norte. As tabernas están
acuguladas de mariñeiros e botan polas súas portas o bafo quente dos borrachos.
Xente de tódalas castes do mundo, cantigas a gorxa rachada, a música de
pianolas chocas, moito fedor a sebo…
Un mariñeiro que fala francés tropeza cun mariñeiro
que fala inglés. Os dous fanse promesas de amizade, cada un no seu falar. E sen
entenderse camiñan xuntos, collidos do brazo, servíndose mutuamente de puntais.
O mariñeiro que fala francés e mailo mariñeiro que
fala inglés entran nunha taberna servida por un home gordo. Queren perde-lo
sentido xuntos, para seren máis amigos. ¡Quen sabe se despois de ben borrachos
poderán entenderse!
E cando o mariñeiro que fala inglés xa non rexe co seu
corpo comeza a cantar:
Lanchiña que vas
en vela;
levas panos e
refaixos
para a miña Manoela.
O mariñeiro que fala francés arregala os ollos,
abrázase ó compañeiro, e comeza tamén a cantar:
Lanchiña que vas
en vela;
levas panos e
refaixos
para a miña
Manoela.
¡¡A-iu-hú-hú!! Os dous mariñeiros eran galegos.
O taberneiro, gordo como un flamengo de caste, viu
saí-los dous mariñeiros da tarberna e pola súa faciana vermella escorregaron as
bágoas. E despois dixo para si nun laído saudoso:
¡Lanchiña que
vas en vela!
Tamén o taberneiro era galego.
FOLIADA DO LÉREZ
O mar. Sempre o mar. Curte a nosa pel, salga
os nosos beizos, perfuma a ribeira co seu aroma salgado, arrodéeanos,
enfeitiza, deixámonos arrolar co vaivén das ondas … as xentes das
rías baixas somos mar, estamos feitos en parte deste elemento salgado que non
poderemos disociar nunca das nosas vidas. A escuma que o mar salpica e que ten
na praia o varadoiro, o arume dos pinos que abana o vento, os areais dourados e
infindos, todo iso e moito máis e a nosa terra. Somos nós.
FOLIADA MARIÑEIRA
Os Dezas de Moneixas cantaron esta foliada no lugar de A Praia, no
concello da Estrada, en 1969.
No hay comentarios:
Publicar un comentario