Quen somos

O orfeón nace como xeito de organizar  o que adoitaban a facer os veciños veciñas do barrio cando se xuntaban nunha festa, nun xantar ou despois dunha reunión. Isto é, cantar xuntos as cantigas que unha ou outro iban entonando e aos que seguían os demais.

As clases de canto comezan en outubro de 2011 da man do mestre e director Luís Prego, cada xoves, entre as nove e as case once da noite, no local da Asociación Veciñal.

Nada de cantar dende o primeiro momento. Exercicios de respiración, exercicios para quentar as cordas vocais, de entonación, formaron e seguirán a formar parte dos contidos de cada clase. E aos poucos foron incorporando novas cantigas populares, mariñeiras e tabernarias ao seu repertorio.

Chegoulles a primeira oportunidade de intervir en público, e fixérono na cea da Reconquista de 2012, o sábado anterior á celebración da Festa. Xogában na casa, e recibiron o aplauso da veciñanza que celebraba a cea de época de 1809. Na semana seguinte, tiveron a oportunidade de cantar dúas pezas con de Ardentía, no concerto da Festa da Reconquista.

O día 29 de xuño interviron na primeira edición dos Cantos de Taberna organizados polo Concello de Pontevedra, recuncando o 17 de agosto, nas Festas da Peregrina.

Esta experiencia da que forman  parte máis de trinta persoas, mulleres e homes, dende os vinte aos máis de setenta anos, xestouse cando logo de cantar, os veciñós e veciñas falaron da posibilidade de montar un orfeón mariñeiro que encarnara a tradición dos cantares de taberna do Berbés e, dalgún xeito, tomara o relevo ás Cantadeiras do Berbés. De certo, algunhas delas forman parte do grupo coral. Lanzada a idea, cumpría ter un director e xente disposta a formar parte do grupo. Fíxose a convocatoria, como curso de iniciación ao canto coral, e xa están pensando en constituírse como Orfeón, para compartir con quen queira divertirse con eles e elas as cantigas que van aprendendo polos seráns, tabernas, torreiros e palcos do país.

No hay comentarios:

Publicar un comentario