2012/11/17

Alalá de Muxía

Alalá moi antiguo e popular, cantado por moitos e moitas cantantes e grupos en Galiza. O Orfeón teno dende os inicios no seu repertorio. O video corresponde a actuación da II Cea da Reconquista da Vila de Vigo, celebrada o 24 de outubro de 2012 na Estación Marítima do Porto de Vigo.

2012/11/14

Cantiga Popular

Ao igual que os vídeos publicados anteriormente, este pertence tamén, á nosa intervención na II Cea da Reconquista da Vila de Vigo


2012/11/02

Lanchiña que vas en vela



UNHA RÚA NUN PORTO LONXANO do norte. As tabernas están acuguladas de mariñeiros e botan polas súas portas o bafo quente dos borrachos. Xentes de todas as castes do mundo, cantigas a gorxa rachada, música de pianolas chocas, moito fedor a sebo...

Un mariñeiro que fala francés tropeza cun mariñeiro que fala inglés. Os dous fanse promesas de gran amistade, cada un no seu falar. E sen entenderse camiñan xuntos, collidos do brazo, servíndose mutuamente de puntales.

O mariñeiro que fala francés e mais o mariñeiro que fala inglés entran nunha taberna servida por un home gordo. Queren perder o sentido xuntos para seren máis amigos. ¡Quen sabe se despois de ben borrachos poderán entenderse!

E cando o mariñeiro que fala inglés xa non rexe co seu corpo, comenza a cantar:

Lanchiña que vas en vela,
levas panos e refaixos
para a miña Manoela.

O mariñeiro que fala francés arregala os ollos, abrázase ao compañeiro, e comenza tamén a cantar:

Lanchiña que vas en vela,
levas panos e refaixos
para a miña Manoela.

¡¡A-iu-jú-jú!! Os dous mariñeiros eran galegos.
O taberneiro, gordo coma un flamengo de caste, veu saír aos dous mariñeiros da taberna e pola súa faciana vermella escorregaron as bágoas. E dispois dixo para si nun laído saudoso:
.
¡Lanchiña que vas en vela!

Tamén o taberneiro era galego.

* Este texto de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao pertence á súa obra Cousas (1926).